Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

CINEMA FRIKI

Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series...

Aliens From The Deep (Alien degli abissi)

27-07-2006 19:55:14
Coido que non son o único que unha vez sentado cómodamente no sofá, cambiando de canle sen xeito se atopa cos créditos de inicio dunha mala película. E por mala película refírome a unha que pareza saída da Filmoteca Nacional de Ulan Bator, cun son que se entrecorta ás máis das veces e cunha imaxe que da a impresión de que o señor Eastman estaba a durmi-la sesta o día da rodaxe. Esas malas películas, de extraterrestres colonizadores, de asasinos resucitados, de monstros de outras dimensións, de espectros do Alén ¿Quen nun momento deses non sentiu un calafrío percorréndolle o lombo e atopouse dicindo “caralludo, unha de medo”?

A verdade é que non hai mellor regalo que o que non se espera, e é con ese ánimo co que se acolle a esta filme -só co título xa semella asegurada unha hora e media de diversión-, ríndonos polo baixo deses advenedizos que cren que o cine ha de renderse por forza a uns estándares de calidade.

A sinopse, como é habitual, é sinxela: A protagonista, unha ambiciosa periodista de investigación (¿?) infíltrase co seu cámara nunha illa volcánica que os militares utilizan de almacén de lixo nuclear. A enerxía liberada no proceso atrae a un extraterrestre que comeza a matar a todo canto humano se cruza no seu camiño, entre eles ó cámara e ó coronel que está ó cargo da planta nuclear. A moza, coa axuda dun ermitaño, aínda que atractivo, cazador de serpes logran derrota-lo intruso cun aparello deseñado polo finado ancián científico que inútilmente tentou dete-la ameaza.

Nembargantes, a película está chea de inconsistencias, demasiadas incluso para ser do xénero que é. Podemos obvialas, iso ata lle da un certo encanto.

O que é menos disculpable e que os diálogos son ridículos e insulsos as máis das veces e che deixan cunha completa sensación de indiferencia; só salvaría dúas ou tres frases de algún secundario. E sobre todo, as personaxes principais son do máis plano e irritante, nin sequera a presenza de Charles Napier como o testán do coronel Kovacks lle da un mínimo aire de respetabilidade.

Pero o que peor me sentou é que este enxendro me fai sentir como… un deses “advenedizos”, facéndome dubidar do encanto do worse is better. Unha cousa é facer películas de serie B, e outra ben distinta é aburrir ata ás pedras.

En resumo: unha MERDA. E non sigo porque non creo que valla a pena poñerme de tan mal humor.

P.S.: E o alien do carallo ten pinta de centola, ou boi de mar, xa non sei.

Giménez Espantos


Categoría: Críticas 1 Comentario(s) & 0 Referencia(s)



Referencias


Comentarios
Comentario feito por Diefer Casan, o día 27-07-2006 21:15:41h.
Aliens from the deep non era un documental de Ridli Scott? O_o



Engadir un Comentario


Recordar datos

Feito con Bitacorae | A nosa casiña: Bitácoras.com | Deseño Raúl García