Blade deu un traspés definitivo cara o máis abominábel dos xéneros
23-03-2005 19:22:45

A popular serie de películas protagonizadas por Wesley Snipes sobre o heroe que combate a súa natureza vampírica e o secreto dominio dos chuchasangues sobor da humanidade deu un traspés definitivo cara o máis abominábel dos xéneros. Inda que o espectador xa non ten claro exactamente a que xénero de película está asistindo. Blade: Trinity trata de combinar o horror gótico coa comedia e a acción, pero o resultado é unha mala película en calquera dos tres apartados. Pártese da base de que acudimos a vela co cerebro desconectado, e co único obxectivo de pasar un rato máis ou menos entretido, pero marchamos ca impresión de que alguén estase pasando da raia.
Blade é un personaxe ideal para unha entretida película de acción. Os vampiros son un conxunto de malos populares e con moitos recursos, tanto estéticos coma paródicos. E os responsabeis non se poderán queixar dos medios económicos dos que dispoñen para realizar estas películas. Entón, ¿por que nos castigan con estes productos? Ninguén espera que poñan tanto amor e dedicación coma Peter Jackson na Triloxía do Anel, pero a impresión que se dá, dende o guión á realización das esceas de loita, é a da máis absoluta desidia.
Non me gustaría entrar nesta revisión a valorar detalles coma a ausencia de diálogos, a caricatura grotesca dos vampiros desta entrega, ou a enésima morte de Whistler, xa que podería revelar detalles sobre o guión, e desanimar a algún a formarse a súa propia opinión, inda que sería recomendábel agardar ó seu lanzamento en videoclubes, tendo en conta as outras películas que existen neste momento na carteleira.
Centrémonos no malo da película: nin máis nin menos que Drácula. Cando alguén ten a audacia de recurrir ó mítico e idiosincrásico vampiro agárdase que se cumpran unha serie de requisitos. O primeiro: Carisma. Dende Bela Lugosi ata o caricaturesco Drácula de Van Helsing tiñan algo parecido a unha personalidade. Todo o que Blade: Trinity nos ofrece é un vacío e plano matón metrosexual. O segundo: Poder. Todos agardamos que o proxenitor dos vampiros, aquel que vivíu moitas vidas e que merece permanecer soterrado nunha pirámide do conflictivo Oriente Próximo, sexa alomenos unha arma de destrucción masiva, pero non. De feito, en ningún momento semella unha ameaza real para Blade. É realmente bo matando mortais, pero claro, calquera vampiro que quera sobrevivir debería selo. Pero cando chega a hora de enfrentarse a Aquel que víu a luz, aquel Stephen Dorff da primeira película resutou ser moito máis perigoso. De feito, o noso Drácula prefire fuxir ante Blade en troques de enfrentarse a el e rematar coa amenaza para sempre. ¿Por que iamos pensar que Drácula ía ser capaz de deter a Blade cando éste decide ataca-la súa base se no primeiro encontro o pai dos vampiros fuxíu con rabo entre as pernas? A resposta é que non o pensabamos. E polo tanto, xa non temos interese en saber de que maneira vai remata-lo noso heroe con tan insulso inimigo. De feito, atopamos moita máis interese no combate entre os dous secundarios cómicos, a histriónica vampira que lidera a comunidade de turno e un dos seus antigos acólutos que agora forman parte dos xocosos "Gardiáns da Noite". As rapazas inda están agardando ve-la tatuaxe de Hello Kitty.
En resumo: o malo da película é moito máis plano e aburrido que o propio heroe, e cando unha mala película tirada dun cómic ocorre algo así, pos, en fin, mellor o deixamos e morra o conto.
O Druida
Crítica Blade Trinity
Categoría: Críticas 1 Comentario(s) & 1 Referencia(s)
Referencias




















Feito con
Personaliza o teu avatar en gravatar.com
Non perdas de vista os teus comentarios con coComment
Utiliza código HTML para dar formato ó teu comentario
Non poñas máis dunha ligazón no teu comentario ou non aparecerá (sistema anti-spam)